Saturday 27 de April de 2024

Rueda sinala o novo curso como a oportunidade de seguir avanzando cara unha universidade con mellores dotacións, máis conectada á empresa e máis internacionalizada


– Avanza novas iniciativas como un Plan Plurianual de Infraestruturas, a implantación das mencións duais e a captación de alumnado estranxeiro como prioridades para o vindeiro curso

– Salienta o esforzo conxunto da sociedade galega para lograr a Universidade máis accesible de España, cunha nova conxelación das taxas, e que neste ano recibirá un 5,5% máis de fondos que o ano pasado

– Apela a responder con “máis Universidade” o momento actual marcado pola incerteza e compromete o traballo da Xunta para que a Galicia moza poida demostrar o seu talento

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou o novo curso como a oportunidade de seguir avanzando cara unha universidade con mellores dotacións, máis conectada á realidade empresarial e máis internacionalizada. Así o manifestou na súa intervención no acto académico de apertura do curso universitario 2022/2023.

O titular do Goberno galego aseverou que estes obxectivos estarán máis preto grazas a varias novas iniciativas como é o impulso á implantación dos grados duais, de maneira que se favoreza o achegamento entre a Universidade e empresa. No que respecta a apertura cara o exterior, fixo referencia a medidas como a captación de alumnado estranxeiro, á contratación de investigadores e á suba dos créditos impartidos en inglés. Mentres que no capítulo de dotacións, avanzou un Plan Plurianual de Infraestruturas no que a Xunta está a traballar para mellorar as instalacións no presente quinquenio.

Na súa intervención, Rueda agradeceu o esforzo conxunto que hai detrás da configuración do Sistema Universitario de Galicia no que é hoxe: un servizo público, unha plataforma aberta á sociedade galega e unha columna vertebral da prosperidade. Como proba dese compromiso, salientou que, grazas ás achegas da comunidade galega, a súa Universidade sexa a máis accesible de España –grazas a unha nova conxelación dos prezos—, que este ano reciba un 5,5% máis de fondos que o ano pasado e que consegue que estea en cabeza de transferencias por alumno.

O esforzo da comunidade universitaria, agregou o presidente galego, foi aínda maior nos últimos meses; un traballo orientado á estabilidade, apertura, excelencia e innovación do sistema. Estabilidade para lograr un marco orzamentario como Plan de Financiamento Universitario –que mobilizará 3.170 millóns neste quinquenio—, apertura cara a realidade laboral –como amosan os 20 novos graos implantados, así como a decena de novos graos e 12 master que comezarán a súa implantación a partir do vindeiro curso—, excelencia na docencia e innovación –como proban os máis de 400 millóns que recibirá a investigación—.

Máis Universidade
Dobregada a pandemia grazas á Ciencia e retomada a plena normalidade nas aulas, Rueda eloxiou o papel das institucións universitarias ante un momento marcado pola incerteza. “Hai incógnitas económicas e sociais ás que debemos dar resposta con argumentos e innovacións. Con máis Universidade”, incidiu.

O mandatario autonómico reivindicou un optimismo tranquilo para afrontar o futuro, xa que Galicia conta con Universidades punteiras que son o catalizador do coñecemento, da innovación e do crecemento da Comunidade. Ademais, fixo una referencia explícita á mocidade galega que exixe un lugar na sociedade no que cultivar e demostrar o seu talento. “Non cesaremos de traballar polo seu porvir. É nas Universidades onde o seu futuro e o noso empeza a trocar en realidade”, manifestou.

Antes de declarar oficialmente inaugurado o curso, Rueda lembrou os vencellos entre Universidade e o fenómeno xacobeo como produtos da razón, a tolerancia e o europeísmo; e destacou que nas aulas e nos laboratorios dos campus fráguase unha senda de futuro e excelencia para os galegos.